O Concello de Xinzo tamén está disconforme cos horarios do EntroidoBus

Monbus-Entroido-Xinzo (foto ourense.com)
O Concello de Xinzo tamén está disconforme cos horarios do EntroidoBus

Elvira Lama trasládalle á Xunta a súa preocupación e malestar por permitir que unha empresa de autobuses oferte viaxes a Xinzo polo entroido con retorno a altas horas da madrugada, incluso despois do peche dos locais, o que incitará aos botellóns

Tamén en aras de manter a seguridade na vila durante os próximos días, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, mantivo reunións con representantes da Dirección Xeral de Mobilidade e Sanidade e mostrou a súa disconformidade co servizo que unha empresa de autobuses galega oferta para esta fin de semana, toda vez que o retorno dende a vila ata Ourense levaranse a cabo a altas horas da madrugada (4:00, 6:00 e 8:40 horas), en algúns casos incluso despois do horario de peche do ocio nocturno.

Dada a negativa da Xunta de Galicia a modificar os horarios ofertados pola empresa, Elvira Lama solicitoulles que garantan a seguridade sanitaria e o orde público, especialmente nas saídas de Xinzo de Limia a Ourense. Trátase dun servizo de transportes que conta con parada en Allariz e que principalmente demanda xente nova, co risco de que a estas horas da madrugada, xa cos bares pechados, deriven en botellóns, cun risco sanitario e de orde público.

Este servizo autobuses ata altas horas da madrugada, co que o Concello de Xinzo non ten nada que ver, contrasta coas medidas adoptadas polo goberno local para garantir a seguridade sanitaria no entroido, con supresión de orquestras, concertos, carpas para evitar aglomeracións ou incluso limitando o horario das charangas ata as 11.00 da noite.