Coñece a Pondal da man de Curros

dolmen-de-dombate
Coñece a Pondal da man de Curros
A Fundación co nome do poeta celanovés organiza unha viaxe ás terras do seu coetáneo REDACCIÓN Encadrada na promoción dos Roteiros do...

A Fundación co nome do poeta celanovés organiza unha viaxe ás terras do seu coetáneo

REDACCIÓN

Encadrada na promoción dos Roteiros do Rexurdimento, actividade na que tamén participa a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Curros Enríquez propón unha viaxe ao espazo literario do outro grande do renacer da nosa literatura, Eduardo Pondal. A excursión levará aos aventureiros ata terras da Cabana de Bergantiños, Corme e Ponteceso, o próximo 19 de outubro.

Os que acudan á cita poderán pasear polos mesmos lugares que inspiraron boa parte da obra deste coetáneo de Manuel Curros Enríquez. Desde Cabana de Bergantiños para visitar o dolmen de Dombate, pasando por Ponteceso, onde coñecerán a casa do poeta, e o Museo Etnolúdico de Galicia, que abriu as súas portas recentemente. O día rematará cunha ruta pola Costa da Morte, con paradas en lugares de interese coma o faro do Roucudo, célebre por tratarse dun punto de recollida de percebe.

Cincuenta serán os privilexiados que poidan vivir esta experiencia, polo que todos os que desexen participar, deben inscribirse na Casa dos Poetas en Celanova, ata que se completen as prazas.