A Confederación Hidrográfica comezou labores de limpeza no Limia

A Confederación Hidrográfica comezou labores de limpeza no Limia

Esta actuación enmárcase no proxecto de restauración dos ríos da provincia

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciaba onte a limpeza das marxes do río Limia ao seu paso polo núcleo urbano de Xinzo. Os traballos que serán realizados ao longo das próximas dúas semanas, centraranse na retirada de árbores caídas no leito e, unha vez baixe o nivel do río despois das chuvias destas semanas, o desbroce selectivo e a eliminación de especies invasoras. Esta actuación enmárcase no proxecto de restauración Hidrolóxico- Forestal nos ríos da provincia, que foi presentado o pasado 13 de novembro por esta mesma organización.

Unha brigada composta por unha cuadrilla forestal de cinco peóns especialistas e un tractorista serán os encargados de actuar sobre tres quilómetros do río, empregando principalmente medios manuais e maquinaria compatible coa zona de actuación, para segundo explican desde a CHMS “non danar a vexetación de ribeira ben conservada”.

Na fase previa deste proxecto que pretende mellorar a situación dos ríos ourensáns, detectouse a existencia de varias árbores caídas sobre a corrente, co perigo de producir tapóns en estruturas de paso. Así mesmo, a acumulación excesiva de vexetación arbustiva en ámbalas dúas marxes e a importante presenza de especies invasoras contribúen a reducir a sección do leito e poderían causar inundacións.