A Confederación Hidrográfica recupera o Limia por Rairiz e mellora o Canal da Lagoa en Sandiás

lagoa 1
A Confederación Hidrográfica recupera o Limia por Rairiz e mellora o Canal da Lagoa en Sandiás

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a través do proxecto LIFE Rexenera Limia, pon en marcha dúas accións no Limia e o Canal da Lagoa.

Un destes traballos pasa por recuperar o trazado do río Limia nas Veigas de San Lourenzo en Rairiz de Veiga. Isto farase a través de dúas obras de drenaxe para provocar que nos meses máis húmidos a auga volva circular polo antigo cauce. Tamén pretenden recuperar a vexetación da ribeira e que esta execute a función de retención e asimilación dos nutrintes presentes na auga co fin de mellorar a calidade do Limia.

lagoa 2

"Coa rexeneración do ecosistema fluvial vaise mellorar o estado de boa conservación dos hábitats naturais de especies presentes na zona recollidos na Rede Natura 2000", destacan dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Outra das accións que se vai levar a cabo na Limia é a conexión de dúas charcas da explotación areeira no Canal da Lagoa de Antela, en Sandiás. Os traballos consisten na construción de tres obras de paso, instalando tres illas flotantes e recuperando a vexetación das beiras. Con isto pretenden conseguir que a auga volva circular polas charcas no periodo húmido e reducir a presenza de nutrintes a través da acción de asimilación das raíces das plantas. Estes traballos van favorecer a estancia das aves que viven na Zona de Especial Protección de Aves na Limia.