A Consellería acometerá a realización dun estudo sobre os custos de produción dos cultivos da Limia
Resposta do conselleiro de Medios Rural cos convocantes da manifestación (tratorada)
José Manuel Nieto Rodríguez, da Federación Rural Galega (Fruga); Amador Diaz Penín, da Asociación de produtores de pataca da Limia; José Ramón González Rodríguez, de Unións Agrarias; María Teresa Joga, de Adegal e Sonia Vidal Lamas, do Sindicato Labrego Galeg, mantiveron unha reunión esta mañá en Ourense co conselleiro de Medio Rural para ver os pasos que estaba dando a consellería ante a situación do sector.
Nesta xuntanza, o conselleiro trasladou as diferentes iniciativas promovidas pola Xunta para apoiar este eido produtivo e anunciou que por parte da Consellería acometerase a realización dun estudo sobre os custos de produción dos cultivos da Limia, no marco do seu Plan estratéxico. Así, lembrou que o Goberno galego reclamou -e segue reclamando- ao Ministerio de Agricultura que faga cumprir a lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas. Ademais, puxo en valor medidas que camiñan nesta mesma dirección, como a posta en marcha do Observatorio da cadea ou a nova unidade que asume as funcións da Axencia de Control Alimentario en Galicia.

Estes instrumentos, salientou o conselleiro, facilitarán -no caso do Observatorio- a emisión de informes sobre a situación económica do sector primario galego, como base para a adopción de decisións sobre custos e prezos. No que atinxe á unidade de control, como o seu propio nome indica, o seu labor é o de supervisar na nosa comunidade o cumprimento da normativa e contribuír a un adecuado funcionamento, transparente e equilibrado, da cadea de valor. Así mesmo, José González tamén sinalou que o seu departamento está a impulsar diferentes estratexias para sectores claves do rural, como son o lácteo, o vitivinícola ou o da carne. Así, as dúas primeiras xa están aprobadas e aplicándose, mentres que a do sector cárnico estase implementando nestes intres.