As contas limiás cadradas en quince minutos

PlenoXinzo
As contas limiás cadradas en quince minutos
A sesión plenaria aprobou o orzamento de 2013 sen debate en sinal de respecto ás vítimas da traxedia de Santiago O...

A sesión plenaria aprobou o orzamento de 2013 sen debate en sinal de respecto ás vítimas da traxedia de Santiago

O Pleno de carácter urxente e extraordinario celebrado onte no Concello de Xinzo decidiu por unanimidade, ampliar o loito decretado pola Xunta de Galicia que finalizou o pasado mércores. Como consecuencia desta decisión, as contas de 2013 foron aprobadas sen debate e en apenas quince minutos. O consistorio decidiu deixar as mocións da oposición para futuras sesións por respecto ás vítimas da traxedia ferroviaria de Santiago, pero incluíu con carácter urxente a aprobación do orzamento, ante as inminentes vacacións da meirande parte da corporación municipal. Esta manobra foi criticada pola voceira do grupo socialista Elvira Lama, quen asegurou sobre os orzamentos que “chegan tarde, mal e sen contar cos informes necesarios de secretaría nin de intervención”. Ante esta situación e ao “non estar incluídas tampouco nos orzamentos as bases de execución nin os anexos de persoal ou inversións”, Lama manifestou que o seu grupo manexa a posibilidade de impugnalos.

As cifras

Ao despezar os orzamentos presentados polo grupo de goberno, rexístranse 7.719.209 euros no capítulo de ingresos, e 7.355.000 euros no de gastos. Do que se deduce que ao órgano limiao sáenlle as contas e aínda lle sobran 400.000 euros. A polémica sitúase de novo na partida destinada aos gastos de persoal, que se eleva a case catro millóns de euros, máis da metade do que as arcas municipais conseguen recadar, mentres que o apartado de inversións debe conformarse con 417.227,65 euros, un 5,67% do total.