jueves. 30.03.2023

O curso de lingua de signos da UNED terá continuidade en Xinzo para achegar aos participantes á vida cotiá das persoas xordas

A iniciativa desenvolverase no salón de plenos da Casa Consistorial do 7 ao 30 de marzo e os interesados poderán matricularse dende mañá

O curso de lingua de signos co que a UNED e Xinzo de Limia romperon barreiras a finais do pasado ano, terá continuidade no mes de marzo. As sesións desenvolveranse do 7 ao 30 de marzo para achegar aos participantes á vida cotiá das persoas xordas e para asistir ás sesións será preciso ter un coñecemento básico desta lingua ou ter superado o curso de iniciación, que contou cun gran éxito de participación. Os interesados poderán matricularse dende mañá. Nas clases, realizarase un repaso dos contidos básicos aprendidos e traballarase noutros aspectos gramaticais máis complexos e que permitirán adquirir ferramentas básicas para poder compensar as diferencias lingüísticas entre a lingua oral e a de signos e manter con certa fluidez conversacións básicas sobre diferentes cuestións.

As sesións serán impartidas por unha intérprete desta lingua e terán unha duración de dúas horas e media divididas en 12 sesións. En cada tema tratarase contido léxico, gramatical, sociocultural e pragmático. As actividades que se realizarán en cada sesión serán de comprensión e de expresión. Deste xeito, as clases desenvolveranse de forma práctica case na súa totalidade.

Os obxectivos específicos desta iniciativa son coñecer e comprender o mundo das persoas xordas; utilizar estruturas básicas de uso frecuente; comprender vocabulario e frases sinxelas; saber expresar enunciados simples e compostos e participar en intercambios comunicativos breves de forma fluída.

O concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, destacou o éxito colleitado na primeira edición do curso de lingua de signos, no que participaron unha vintena de persoas de diferentes cidades galegas.

O curso de lingua de signos da UNED terá continuidade en Xinzo para achegar aos...