O delegado de persoal do Concello de Xinzo: “Se seguimos así entraremos en quebra”

O delegado de persoal do Concello de Xinzo: “Se seguimos así entraremos en quebra”

Antonio Gómez Villarino reuniuse hoxe co alcalde para preguntarlle pola paga extraordinaria dos funcionarios do municipio e a nómina de decembro, que aínda non cobraron

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

O Concello de Xinzo non poderá facer fronte á paga extraordinaria de Nadal dos seus funcionarios ata o vindeiro 2 de xaneiro, e a nómina do último mes do ano terá que esperar a despois de Reis. Isto foi o que o popular Antonio Pérez lle explicou esta mañá a Antonio Villarino, delegado de Persoal do municipio. Porén, e a pesar das explicacións que o rexedor se esforzou en dar a Villarino, este último non se fía: “non quero ser pesimista pero o panorama é moi sombrío, e de seguirmos así o Concello entrará en quebra”.

Villarino solicitara unha reunión urxente co alcalde, xa que a día de hoxe, o consistorio aínda non fixo efectivo o pago nin da nómina nin da bonificación extraordinaria de decembro. E con el se entrevistou esta mañá tras a comisión de goberno. O problema para este funcionario é que “hai un exceso de persoal polo que a aportación estatal non da para todo”. Ademais, o Concello de Xinzo someteuse ao segundo Plan de Proveedores por importe de 1.300.000 euros que xestiona o Goberno central e é este quen se encarga de pagar a aqueles que abastecen aos municipios diminuíndo así os fondos que lles destinan, polo que o Concello de Xinzo verá sensiblemente mermados os seus ingresos. Villarino cre que “non se tomou ningunha medida para o aforro” no sempre polémico capítulo de persoal, “simplemente sóbense os impostos pero segue sen ser suficiente”, polo que non lle extrañaría "unha intervención do órgano municipal a curto ou medio prazo”.