A Deputación de Ourense aproba axudas de cooperación para catro concellos da Limia

A deputada Montse Lama no transcurso da rolda de prensa.
A Deputación de Ourense aproba axudas de cooperación para catro concellos da Limia

Sarreaus, Porqueira, Bande e Lobeira beneficiaranse dun total de 68 mil euros en "axudas de cooperación"

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, no día de onte, destinar un total de 270.036 euros a ccoperación con asociacións e concellos da provincia de Ourense en materia de medio ambiente, infraestruturas, cultura e deporte. Entre os concellos beneficiarios das axudas, dous da Limia e outros tantos da Baixa Limia. Así o anunciou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense –e á súa vez concelleira en Xinzo de Limia–, Montserrat Lama, nunha rolda de prensa trala xuntanza.

O Concello de Porqueira recibirá un total de 25 mil euros para a adaptación dos velorios municipais. Así mesmo, tamén foi aprobada unha axuda de 12 mil euros para o municipio de Sarreaus, co mesmo obxectivo.

Tamén se beneficia desta convocatoria o Concello de Bande, cunha asignación de 12.600 euros que serán destinados á redacción do proxecto básico da obra de urbanización ao acceso e contorna da capela visigótica de Santa Comba. Tamén na Baixa Limia, Lobeira recibirá dúas axudas: unha de 9 mil euros para a súa brigada medioambiental e outra de 10 mil para a execución de traballos medioambientais.

Os outros concellos beneficiados da provincia foron Allariz, Laza, Padrenda, Piñor, San Cristovo de Cea, Cortegada e Avión. O importe máis alto recaeu no municipio montederrense de Laza –59 mil euros– para a canalización da liña de media tensión subterránea para a subministración eléctrica ao parque de aventura do municipio, que leva anos en proceso de construción.

Un total de 18 entidades deportivas, entre as que se atopa a Asociación de Entrenadores de Fútbol Afiador, tamén recibiron axudas de cooperación por parte da institución provincial.

Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller

A deputada limiá, Montse Lama, deu conta tamén da aprobación dun manifesto polo Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller no Pazo Provincial. Lama afirmou que a Deputación "quere expresar a súa máis enérxica denuncia e condena a calquera tipo de violencia que se exerza contra a muller, comprometéndose como institución pública a traballar para poñer fin a todo tipo de discriminación por razón de sexo". A xornada de denuncia da violencia machista celebrarase o vindeiro 25 de novembro con multitude de actos por toda a provincia.