A Deputación de Ourense edita unha nova publicación de interese provincial

Presentación do libro O proceso de electrificación do noroeste ourensán
A Deputación de Ourense edita unha nova publicación de interese provincial

\“O proceso de electrificación do noroeste ourensán\”, obra dos autores Xosé Luis Sobrado e Francisco Xosé Fumega

Na sala de prensa do Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\” da Deputación de Ourense, tivo lugar esta mañá a presentación da publicación \“O proceso de electrificación do noroeste ourensán\” que edita a Deputación de Ourense. No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os autores da publicación Xosé Luis Sobrado Pérez e Francisco Xosé Fumega Piñeiro.

Durante a presentación, Manuel Baltar, salientou que nos últimos tempos \“fumos capaces de transformar o servizo de publicacións da Deputación que é a única institución que con certa periodicidade publica traballos vencellados á provincia de Ourense aprobando unha ordenanza de publicacións que contempla a creación dun Consello de Publicacións no que están integrados organizacións como a Real Academia da Lingua, como a Universidade, a propia Deputación e técnicos recoñecidos no ámbito da cultura e das publicacións\”.

O presidente provincial afirmou que como todas estas convocatorias son en concorrencia competitiva \“publícanse os mellores traballos, tecnicamente máis defendibles, e este libro é un deles, que aborda o proceso de electrificación do noroeste ourensán\”.

Pola súa banda, o autor Francisco Xosé Fumega, ratificou a calidade do servizo de publicacións da institución provincial e engadiu que este tipo de publicacións \“poñen en valor o patrimonio industrial da provincia de Ourense\”.

O outro autor do libro, Xosé Luis Sobrado, fixo un breve resumo do que os lectores encontrarán na obra, \“céntrase no noroeste da provincia de Ourense e incluso nos saímos dela. O libro é fundamentalmente de persoas e despois de empresas. Persoas que foron capaces de converter un muíño vello en electricidade\”. Un libro que, segundo o propio autor, servirá de punto de arranque de futuras investigacións, de feito xa adiantou que están a traballar nunha nova publicación.

O presidente da Deputación de Ourense enxalzou o traballo dos autores da publicación, \“alabo o traballo, a dedicación dos dous estudosos investigadores que están a traballar tamén en outras cuestións relacionadas co patrimonio industrial da provincia que seguramente tamén terán acollida en próximas convocatorias desta Deputación para publicar obras de interese provincial\”.