A Deputación promove unha campaña de compostaxe doméstica na Limia

compostaxe
A Deputación promove unha campaña de compostaxe doméstica na Limia

Unha das vantaxes é a redución da factura de recollida de lixo

A partir do sábado ponse en marcha a campaña que busca divulgar e sensibilizar á poboación sobre a separación en orixe e reutilización da materia orgániza. Poderán participar veciños e veciñas de Baltar, Bande, Os Blancos, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreus, Trasmiras e Xinzo de Limia.Para anotarse deberán acudir a unha das carpas da campaña cando cheguen a Xinzo e a Bande, onde se instalarán.

As persoas que queiran levar a cabo a compostaxe doméstica deberán asistir a unha formación. Entregaránselle os composteiros e farase un seguimento sobre a realización do compost. Celebraranse mesas redondas cos participantes para a posta en común da experiencia na campaña.

Dende a Deputación de Ourense sinalan que quen forme parte desta proposta gozarán de vantaxes ambientais, económicas e sociais. Algunhas delas, apuntan, serían a reciclaxe da materia orgánica e obtención dun abono natural con boas propiedades fertilizantes para o solo. Do mesmo xeito, reduciríase a frecuencia de recollida dos contedores de lixo entregando menos toneladas a empresa Sogama, e polo tanto suporía pagar menos pola factura.

O único requisito para as persoas interesadas é que non tiveran participado noutra campaña anterior e que residan nos municipios seleccionados.