Un dron revoluciona a agricultura na Limia

Fumigación con drons
Un dron revoluciona a agricultura na Limia
Unha innovación que permite aforrar tempo e custos

Tractor, colleitadora, aboadora... e agora un dron! Así é, todo sinala que o dron se converterá nunha das ferramentas esenciais na agricultura, con múltiples funcións e vantaxes que farán do traballo na terra algo moito máis sinxelo.

Da man de Dronfit isto é posible. Trátase dunha empresa monfortina impulsada por Teresa Martínez e Manuel Garrido que traballa de maneira subcontratada por Aerocámaras, unha compañía dedicada á formación e servizos profesionais con drons. Sendo pioneiros na zona da Limia, este equipo desenvolve a súas funcións coa axuda do dron Agras MG- 1S, un modelo específico para agricultura que opera cun sistema ULV, siglas de ultra low volume (ultra baixo volume), é dicir, trátase dunha máquina que xera unha néboa fría formada por pequenas gotas capaces de chegar, inclusive, ao envés da folla dunha planta. Deste xeito, lévase a cabo unha fumigación eficiente que non adoita superar os dez minutos por hectárea o que significa que gaña en axilidade e rapidez superando os tempos do tractor e ademais non penetra no cultivo polo que non se estraga a planta. Así mesmo, tamén se reducen os custos ao aforrar en auga e mesmo en produtos fertilizantes. Ademais da fumigación o dron permite coñecer a saúde dos cultivos a través dunha cámara espectral o que facilita o poder determinar problemas e tratar as plantas no caso de existir algún tipo de enfermidade ou carencia. Outra das vantaxes deste sistema é que permite realizar un historial para analizar ou revisar tratamentos anteriores e os resultados obtidos. A maiores da fumigación, esta empresa tamén ofrece servizos vinculados á fotogrametría, é dicir, á obtención de mapas e planos de grandes extensións de terreo por medio da fotografía aérea; inspeccións eléctricas e dispoñen dun apartado de I+ D + i no que desenvolven os seus propios equipos.

Novos na zona, pero esperemos que veñan para quedarse, xa que o seu traballo facilitará en gran medida a labor de moitos dos agricultores da Limia.