Dúas curmás recuperan a festa do San Roque despois de 50 anos

Cartel Festas de San Roque 2013
Dúas curmás recuperan a festa do San Roque despois de 50 anos
Mª José e Alejandra Carrera organizan os festexos na honra do santo que da nome á rúa onde se criaron MARÍA...

Mª José e Alejandra Carrera organizan os festexos na honra do santo que da nome á rúa onde se criaron

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

As cousas teñen cambiado moito desde hai cincuenta anos. Moitas tradicións se teñen deixado atrás e outras novas entraron nas nosas vidas. Tamén as hai que se reinventan e recuperan, coma o caso das festas da Rúa de San Roque en pleno corazón de Xinzo de Limia, que renaceron tras un silencio de medio século, hai case xa tres anos.

Estas festividades que alá polos anos 30 e 40 do século pasado eran na vila de tanta importancia e sona coma as de Santa Mariña, morreran canda o seu último organizador. Sabedoras desta importante tradición e despois de ter investigado sobre ela, Mª José e Alejandra Carrera decidiron en 2011, “en principio de cachondeo e sen un duro”, recuperar a festa da rúa e a praza onde se criaron, onde xogaron de nenas e onde seguen a pasear hoxe. “Nos mamamos a rúa de San Roque, temos adicción por ela” explicábanos Mª José, cuxa familia e a de Alejandra, ambas son curmás, levan asentadas aquí durante xeracións.

Os principios son sempre duros, e a primeira edición deste renovado San Roque celebrouse con pouco presuposto, pero moita ilusión. Este ano será xa o terceiro que os veciños da rúa honren ao seu patrón o día 16 de agosto, cunha misa as nove da noite na praza e unha procesión coa súa imaxe. Despois do actos relixiosos, reuniranse para compartir a cea e bailar ao ritmo do Trío Sevilla.

A financiación do festexos provén da venda de primitivas, e das colaboracións dos case 40 comercios, que teñen a súa base neste coñecido e céntrico enclave comercial da vila limiá. Desta volta, conseguiron reunir cerca de 3.000 euros. O traballo das curmás Carrera, únicos membros da comisión de festas, materialízase nun programa festivo no que non faltan a alborada, os pasarrúas, os inchables e a festa da espuma para os máis pequenos, ademais da cea e a agrupación musical.

Unha iniciativa que se consolida co tempo

As organizadoras recoñecen que “cada ano a xente anímase máis”. A clave, pensan, estivo en que no primeiro ano expuxeron aos veciños “euro por euro”, en que tiñan invertido o diñeiro dos donativos. Ao comprobar a súa boa a fe e os bos resultados da festa, a ilusión e as cotas van crecendo de tal maneira, que xa puxeron a andar a creación dunha asociación que coordine as festas do San Roque.

Así que xa saben, o próximo venres 16, as bombilliñas de cores volverán alumear a rúa e praza coma antano, para dar fe de que esta tradición reviviu, e seguramente por moitos anos. Incluso, se cadra, os veciños se animen a entonar aquilo de:

“Adiós calle de San Roque… cuántos suspiros me debes,

cuantas noches he pasado…al lado de tus paredes”