Elvira Lama, toma medidas contra o botellón e aglomeracións nocturnas

Elvira Lama
Elvira Lama, toma medidas contra o botellón e aglomeracións nocturnas
Varios locais foron denunciados polos veciños

Nesta pandemia, máis que nunca, quedou demostrado que a irresponsabilidade duns poucos pode afectar moi negativamente ao benestar da maioría. Así, desde fai días Xinzo está a rexistrar un incremento de casos diario, o que motiva que a partir do sábado pase ao nivel medio de restricións, que hoxe se sitúa no medio centenar cando o día 7 do mes pasado tiña 3 casos e incluso rematou o mes de xuño con 0 casos. Como exemplo, sirva o dato de que o 30 de xuño tiña 0 casos e o 31 de xullo, 50.

Para frear esta tendencia, e alertado polos veciños da rúa Curros Enríquez e Praza de Oriente, ademais de pola Policía Local, o Concello pediu hoxe reforzos policiais para rematar cos botellóns nestes dous lugares, onde fotos e vídeos evidencian o incumprimento reiterado das normas sanitarias pola noite, incumprindo horarios e poñendo en perigo a saúde de moitos.

Co fin de cortar de raíz este problema e despois de recibir as queixas de xeito verbal e por escrito de algúns afectados, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, vén de solicitar reforzos de efectivos da Garda Civil á Subdelegación de Goberno para evitar os botellóns nas rúas e as aglomeracións.

Trátase, en definitiva, de mellorar as labores de control nas noites dos venres e sábado de agosto nun momento no que a incidencia do covid-19 no municipio é preocupante e o sábado entrarán en vigor as novas restricións para poder deter os contaxios, toda vez que a vila entra no nivel medio de restricións.

Máis en concreto, foron veciños das inmediacións de varios locais de hostalería emprazados na rúa Curros Enríquez e na praza de Oriente os que puxeron en coñecemento da rexedora os feitos. Manifestouse o quebrantamento reiterado das normas sanitarias por mor do consumo de alcohol nas rúas nos arredores destes establecementos, formando botellóns e aglomeracións que exceden o máximo legal permitido, sen distancia de seguridade, nin máscara. Ademais, é frecuente o depósito de lixo (cascos, vasos e latas) nos espazos públicos, imposibilitando o descanso dos veciños.

Con estes antecedentes, e ante a escaseza de efectivos po parte da Policía Local, Elvira Lama solicita que a Subdelegación do Goberno colabore nas labores de control. Previamente, dirixiuse tamén por escrito aos locais de hostalería sinalados advertíndolle da instrución dos correspondentes expedientes sancionadores no caso de que a situación continúe.