Escolares da Limia plantan árbores nas graveiras

arbores
Escolares da Limia plantan árbores nas graveiras

Un total de 190 árbores foron plantadas en Vilar de Santos e Sandiás

Un cento de escolares galegos participaron na novena edición do Día das árbores, os áridos e a biodiversidade que organiza a Asociación Galega de Áridos (AGA). A actividade consistiu na plantación de 190 árbores nas graveiras, entre os concellos de Vilar de Santos e Sandiás, e que se levou a cabo a pasada semana.

A intención é difundir a cultura de restauración de territorios e a recuperación medioambiental das zonas de extracción, entre os cativos e a sociedade en xeral.

A actividade desenvolveuse conxuntamente entre as empresas Graveras Castro e Áridos Antelanos coa participación dos Concellos de Vilar de Santos e Sandiás, que estiveron representados polos seus alcaldes. Da Limia participaron 40 alumnos e alumnas das escolas públicas de Rairiz de Veiga e Sandiás. A comitiva tamén contou coa presenza de representantes do servizo de Minas e da Consellería de Medio Ambientes, así como os directores técnicos da Cámara de Minería de Galicia e de AGA.

Esta xornada enmarcouse nun conxunto de actuacións a desenvolver para levar o cabo o plan de restauración da zona.

Tras plantar ás árbores, os escolares visitaron o museo da Lagoa de Sandiás.