Están tolos estes romanos

esquecemento2013
Están tolos estes romanos
As tropas de Décimo Xuño Bruto atrévense a cruzar o río do Esquecemento MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO Xinzo volverá ser fogar de castrexos...

As tropas de Décimo Xuño Bruto atrévense a cruzar o río do Esquecemento

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Xinzo volverá ser fogar de castrexos e romanos desde mañá e ata o próximo domingo, no ano XIII da celebración da Festa do Esquecemento. As conquistas das tropas de Décimo Xuño Bruto achegaraas ata a Gallaecia, e o seu valor porase a proba á altura da vila limiá, pola que descorre o río Lethes. Entre as hostes romanas existía a crenza de que este curso de auga, tiña o poder de facer esquecer todos os recordos á quen o cruzase. Pero o xeneral Xuño Bruto, facendo proba do arroxo do que tiña sona, atravesará o río demostrando aos seus homes, que non se trata máis, ca dunha lenda.

Esta recreación é o evento central da festa do Esquecemento, organizada un ano máis pola asociación Civitas Limicorum, que pon en marcha toda unha volta aos primeiros séculos da nosa era. Dentro do programa festivo inclúense todo tipo de representacións tradicionais das culturas romana e castrexa. Teñen cabida desde o mercado ou “macelum”, ata as danzas ou as vodas, pasando por as escaramuzas ou os obradoiros nos que se representarán os principais oficios destas civilizacións. Cetrería, xogos no campamento e actividades para os cativos, redondean o programa.

Unha vez que Décimo Xuño Bruto cruce o Lethes, e un por un chame polos seus homes para demostrarlles que aquela auga non tiraba a memoria, sucédese unha dura batalla coas hordas castrexas do xefe Beltaine. Os nativos caerán derrotados á beira do seu río inexpugnable. O parque do Toural presenciará todos estes acontecementos e desde este mesmo enclave, partirán en desfile as tropas vencedoras.

No tema dos cartos, a voz cantante lévana o comercio e a hostalería local, dos que se di son moito máis xenerosos na cota para o Esquecemento que na das festas de Santa Mariña. Sexa como for, xúntase un orzamento que sumándolle as colaboracións da Deputación, o Concello e o recadado mediante á venda de “merchandising”, alcanza os 18.000 euros.

Volve o campamento pero non ao Toural

Despois de dous anos sen terse organizado o campamento de castrexos e romanos, a nova directiva da asociación Civitas Limicorum decidiu recuperalo. “É o máis bonito da festa”, asegurábanos Placer Feijóo, un dos máis activos colaboradores nos preparativos do Esquecemento. Con esta idea coincide plenamente a presidenta da asociación Conchi Ojea, quen puntualizaba, “no campamento convívese e hai moi bo rollo”.

Porén, as tendas mudan desta volta de emprazamento, viaxando desde o Toural ata unha finca privada na parte final da rúa Galicia. Os organizadores escolleron esta parcela, tras declinar o ofrecemento do Concello, que os enviaba a un terreo na estrada cara Baltar, “era moi lonxe da vila e non queremos trasladar a festa fora do centro”, explicounos Conchi.

A idea de reinstaurar o campamento foi un éxito entre os veciños, pois se o ano anterior xuntáranse seis grupos, este ano serán 25, entre celtas e romanos os que vivan e dean vida ao Esquecemento limiao. Xunto a estes participantes farán posible tamén a festa, os músicos e actores que animarán as rúas, así coma todos aqueles visitantes que tras escoller bando, castrexo ou romano, se vistan en consonancia e veñan ata Xinzo a dar unha volta polo século II antes de Cristo.