A exposición '25 anos máis' achega a Universidade a Xinzo de Limia

44
A exposición '25 anos máis' achega a Universidade a Xinzo de Limia

Durante dúas semanas os veciños e veciñas da comarca poderán achegarse a vela na Praza Carlos Casares

Rosa Tedín | Ourense
A exposición 25 anos máis, organizada pola Universidade de Vigo co gallo do seu 25 aniversario, continúa en Xinzo de Limia o seu periplo por diferentes concellos da provincia de Ourense despois de estar, ademais de na cidade das Burgas, en Ribadavia, A Rúa e Verín. O obxectivo da itinerancia destra mostra é recoñecer o destacado papel que teñen os pequenos e medianos concellos ourensáns, como o de Xinzo de Limia, no pasado, presente e futuro do campus de Ourense, xa que deles procede boa parte do seu alumnado.

A inauguración da exposición na Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia contou coa asistencia de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Xabier Casares, presidente do Liceo de Ourense; Antonio Pérez, alcalde do Concello de Xinzo de Limia; Luis Miguel Gil, concelleiro de Deportes, Xuventude, Cultura e Festexos, e outros membros da corporación municipal. \“Agradecemos ao Concello de Xinzo de Limia a acollida dunha mostra coa que pretendemos achegármonos a unha comarca na que a Universidade xa está presente porque moitos dos seus alumnos e alumnas proceden dela\”, destacou Virxilio Rodríguez durante a inauguración. \“Traer esta exposición aos concellos parécenos unha iniciativa moi interesante porque ás veces a xente das vilas estamos un pouco desconectados do que acontece nas cidades, vémolo con distancia, e neste caso estamos falando do campus universitario da nosa provincia\”, destacou pola súa banda o alcalde de Xinzo de Limia. Na mesma liña, o concelleiro de Deportes, Xuventude, Cultura e Festexos recalcou como \“moitos dos nosos veciños estudaron e estudan no campus de Ourense, que é o máis próximo a nós, polo que apoiamos esta celebración dos 25 anos da Universidade desexando que sexan moitos máis\”.

25 persoeiros, entre eles Xabier Casares

A mostra inaugurada este venres está composta por 25 paneis nos que outros tantos persoeiros destacados que teñen vinculación con Ourense responden á pregunta Que pode ou debe achegar a Universidade a Ourense nos vindeiros 25 anos?. Entre eles está Xabier Casares, presidente do Liceo de Ourense nado en Xinzo de Limia, motivo polo cal este venres tamén se achegou á inauguración da exposición. \“Esta mostra é un xeito de sacar a universidade do campus e trasladala á sociedade. É importante que a sociedade sinta próxima a súa universidade e que lle preste o seu apoio\”, subliñou Casares. \“A participación de Xabier Casares na mostra dá unha significación especial á súa exposición en Xinzo de Limia\”, destacou Virxilio Rodríguez, que fixo fincapé na relación que une ao campus de Ourense tanto co Liceo coma coa Fundación Carlos Casares.

No seu percorrido polos paneis, os visitantes poden ler, ademais da resposta de Casares, as respostas de persoeiros como Ángeles Blanco, presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer; de Ánxeles Cuña, dramaturga e pedagoga; de Felisa Nchama, graduada en Dereito con discapacidade visual; do humorista gráfico O Carrabouxo; de Pablo Sánchez, director do Arquivo Histórico Provincial; de José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación Empresarial de Ourense; de Ico Rafael, mestre e músico, e así ata 25 voces destacadas en diferentes sectores. Ademais, os paneis ofrecen datos relevantes sobre o presente do campus de Ourense e ilustracións de lugares destacados da zona universitaria. A exposición, formada por sete estruturas, estará instalada durante dúas semanas e durante este tempo pode ser visitada por todas as persoas interesadas. Por último, a mostra convida á cidadanía a ser parte activa nesta conmemoración dos 25 anos da Universidade de Vigo subindo un \“selfie\” seu na exposición a Twitter coa etiqueta #25AnosMais.