“Unha fiestra aberta co meu lugar de orixe”

Óscar Rivero Salgado
“Unha fiestra aberta co meu lugar de orixe”
Outro colaborador engrosa o plantel de Dende A Limia, Óscar Rivero Salgado REDACCIÓN Como diría algún que todos sabemos, “énchenos de orgullo...

Outro colaborador engrosa o plantel de Dende A Limia, Óscar Rivero Salgado

REDACCIÓN

Como diría algún que todos sabemos, “énchenos de orgullo e satisfacción” recibir a un novo colaborador en Dende A  Limia. Trátase de Óscar Rivero, un limiao de apenas dezanove anos que cursa de maneira simultánea na Universidade Politécnica de Barcelona os graos de Enxeñería Física e Matemáticas.

A pesar da súa xuventude, está claro que Óscar vai sempre un paso máis alá. Formouse ata bacharelato en Xinzo, a súa vila natal, e desde o ano pasado estuda no CFIS un centro da universidade catalá. Nas súas propias palabras, as matemáticas foron sempre un dos seus “grandes intereses”, tal e como demostra a súa participación en varias competicións nos últimos anos.

A pesar de ter unha mente privilexiada, coma calquera outro rapaz da súa idade, a Óscar gústalle pasar o rato cos seus amigos, ademais da lectura e a música, para a que se formou no conservatorio de Xinzo, estudando piano.

A partir de agora, cos seus artigos en Dende A Limia, pretende manter “unha fiestra aberta á comunicación co meu lugar de orixe, narrando a miña experiencia en terras catalás”. A primeira entrega da súa aventura en Barcelona está xa dispoñible, premendo aquí.