Firmado o convenio do GDR-10 (Limia- Celanova-Arnoia)

false
Firmado o convenio do GDR-10 (Limia- Celanova-Arnoia)

O Presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural , Sindo Lamas(Alcalde de Sareaus) no que está incluida a Limia, firmou o convenio hoxe en Santiago

A inversión no plan 2014-2020 estará entre 4 e 5 millóns de euros.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o papel dos grupos de desenvolvemento rural para impulsar o rural desde o emprego, a innovación e a dinamización social. \“Falar dos grupos de desenvolvemento rural é falar de emprego, como proban os máis de 4.000 postos de traballo consolidados e outros 1.000 novos entre 2007 e 2013; de innovación; de defensa do patrimonio; de mellora dos equipamentos e de dinamización social\”, dixo.

Ao respecto avanzou que coa sinatura este mediodía dos convenios entre a Consellería do Medio Rural e os GDR se establece un investimento de 84 millóns de euros que se repartirá por todo o territorio a través de 24 grupos, cuxo obxectivo será seguir desenvolvendo proxectos para o impulso do rural desde o rural.

Nesta liña, o responsable autonómico lembrou que se trata dunha metodoloxía que xa demostrou a súa eficacia durante o anterior período operativo referíndose, por exemplo, ao traballo desenvolvido no centro de control, experimentación e enxeñaría enerxética que se promoveu en Curtis; ao obradoiro industrial para elementos de aceiro que cofinanciaron os GDR en Castro de Rei; ou á ampliación dunha empresa de fabricación de maquinaria aeroespacial nunha parroquia de Vilagarcía.

Así mesmo, precisou que os GDR non só impulsarán os concellos nos que están asentados cos investimentos produtivos, senón que tamén poderán facer investimentos máis sociais, como a construción do centro de día que se impulsou en Lousame ou o proxecto que se levou a cabo no Con da Hedra do Grove para a conservación e mellora de elementos do patrimonio.

Cómpre salientar que cada grupo recibirá unha achega de entre 3 e 5 millóns de euros, que poderán canalizar nos proxectos que recollen as súas propias estratexias. Deste xeito, poderán contribuír a acadar varios obxectivos fundamentais para o desenvolvemento rural: mellorar a calidade de vida da poboación máis envellecida; implantar as TIC, tanto a nivel produtivo como non produtivo; potenciar novos servizos profesionais; apostar pola conciliación familiar; achegar servizos básicos á poboación rural e apoiar aos colectivos máis desfavorecidos, mellorar os servizos turísticos e reducir os desequilibrios entre as zonas rurais e periurbanas.

Seguir impulsando o rural

Durante a súa intervención, o titular da Xunta avogou por seguir impulsando o rural a través de iniciativas como a posta en marcha do programa impostos cero, que eliminou os tributos por mercar ou permutar parcelas e que fará que os mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade non teñan que pagar nin un euro de impostos por mercar a súa vivenda habitual no 85% do total do territorio de Galicia; con 26 millóns de euros para a incorporación dos mozos á actividade agraria, unha achega que permitiu multiplicar por catro o número de beneficiarios con respecto ao pasado ano; con axudas para iniciar actividades non agrícolas nos concellos rurais, e coa apertura entre 2016 e 2017 de ata 60 casas niño, para facilitar a conciliación familiar nos concellos máis pequenos.

Feijóo concluíu afirmando que son moitos os datos que invitan a falar con certo optimismo do rural galego. \“A produción total do sector lácteo creceu un 15% entre 2010 e 2015; a produción media por explotación multiplicouse por tres nos últimos dez anos; o valor da nosa agricultura ecolóxica duplicouse desde 2009; a facturación da nosa industria madeireira está medrando e Galicia concentra a metade da produción forestal española; e as exportacións do sector vitivinícola medraron en máis de seis puntos porcentuais desde 2011\”, aseverou, lembrando tamén que cada vez son máis as empresas que confían e invisten no noso rural.

Sobre este punto, destacou os 70 millóns de euros que investirá Goodleit para abrir unha planta de transformación láctea en Curtis; os 11 millóns que vai investir Entrepinares para ampliar a súa planta de Vilalba; ou a recente fusión de tres cooperativas para formar Cooperativas Lácteas Unidas, que concentra o 15% da produción leiteira da comunidade.