O fiscal atribúe ao alcalde de Baltar delitos de coacción, a acusación fala de ameazas e o seu avogado solicita a absolución

alcalde Baltar
O fiscal atribúe ao alcalde de Baltar delitos de coacción, a acusación fala de ameazas e o seu avogado solicita a absolución
O xuízo contra José Antonio Feijóo celebrouse o pasado luns no Xulgado número 1 do penal de Ourense REDACCIÓN José Antonio Feijóo,...

O xuízo contra José Antonio Feijóo celebrouse o pasado luns no Xulgado número 1 do penal de Ourense

REDACCIÓN

José Antonio Feijóo, rexedor do concello limiao de Baltar compareceu o pasado luns no Xulgado número 1 do penal de Ourense acusado de catro delitos de coacción, a outros tantos integrantes do PSOE. A pesar de que Feijóo nega as faltas, a acusación particular, conformada polas catro presuntas vítimas: a farmacéutica, a súa auxiliar, unha enfermeira e un veciño, solicita que se eleve ao grao de ameazas. De ser condenado por este delito, o político podería enfrontarse a unha pena de ata catro anos e seis meses de cadea por cada unha das vítimas.

“O meu desexo era que non houbese outra candidatura”

Por esta razón, porque Feijóo asegura que o seu “desexo” era que “non houbese outra candidatura” foi polo que contactou coas catro persoas que compoñen a acusación. Deste xeito o rexedor recoñece que falou con estes membros do PSOE no Concello de Baltar, pero negou rotundamente que para a consecución deste fin se tivese valido de ameazas ou coaccións.

Porén, as versións das presuntas vítimas son ben diferentes. A farmacéutica asegura que recibiu varias chamadas do alcalde nas que lle “esixiu” que impedise que a súa auxiliar formase parte da candidatura da oposición, e que de negarse a “despedise”. Relatos de parecida natureza foron os que a auxiliar, unha enfermeira e un veciño compartiron co xuíz. Todos eles aseguraron ter recibido ameazas e presións de parte do político limiao, co fin de desistiren no seu intento de figurar nas listas do Partido Socialista.

Malversación de fondos públicos

Ademais dos delitos de coacción, o avogado da acusación fala de malversación de fondos públicos, por ter utilizado un vehículo municipal na presunta persecución de tres membros do partido da oposición. Iso é o que aseguran a auxiliar e outros dous edís socialistas, desta volta de Xinzo, que lle contaron ao tribunal como o alcalde os seguiu por varias poboacións do concello, mentres eles intentaban recrutar persoas para a súa candidatura. Suspensión de cargo público por tres anos e unha multa de 27.000 euros é o que esixe a acusación por esta falta.

Nembargante o ministerio fiscal encontra a José Antonio Feijóo culpable de catro delitos de coacción polo que pide que pague unha multa de 10.800 euros e as costas xudiciais. Polo momento o futuro do rexedor de Baltar non está aínda decidido, pero o caso quedou xa visto para sentenza.