Gran noticia para a agricultura da Limia

estuche-de-carton-dos-tarros-pimientos-asados-350g-y-castanas-en-almibar-400gr
Gran noticia para a agricultura da Limia

A variedade de pataca AGRIA xa está dentro da IXP

Ademais a IXP Pataca de Galicia abarca xa a toda a comunidade Galega

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar o regulamento de execución da Comisión polo que se aproba a modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia. Esta modificación busca darlle un impulso ao sector e reforzar a comercialización deste produto tan senlleiro do agro galego.
Deste xeito, o novo prego de condicións desta IXP queda inscrito no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Un dos cambios que se produce é a ampliación da área de produción e envasado deste produto, que a partir de agora abarcará todo o territorio da comunidade galega. Ata o de agora, este selo só permitía o cultivo e envasado de patacas en catro subzonas de produción: Bergantiños (A Coruña); Terra Cha - A Mariña (Lugo); Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

Por outra banda, ademais da variedade Kennebec, que era a única admitida ata agora, tamén poderán acollerse á certificación de calidade da IXP as variedades denominadas Agria e Fina de Carballo, aumentando deste xeito as posibilidades de produción.

Segundo os datos rexistrados polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, este selo facturou o ano pasado 4,7 millóns de euros, ao comercializar 4.750 toneladas deste produto. Actualmente están inscritos un total de 79 produtores e 10 almacenistas, que cultivan preto de 300 hectáreas.