Un grupo de 80 nenos e nenas da Limia convive estes días con rapaces de Portugal no abrazo ó río Limia. Son alumnos do CEIP Rosalía de Castro e CEIP Carlos Casares que pasan estes días na localidade portuguesa de Ponte da Lima.
O martes foi o primeiro día desta convivencia que trata de concienciar ós máis pequenos na defensa do río e o coidado do medio ambiente. Os de Xinzo participaron en diferentes actividades xunto co alumnado portugués e quedaron a durmir nun albergue da zona.
O pasado mes de abril tiña lugar o abrazo ó río Limia na comarca e os visitantes pasaron unha xornada visitando a zona. A primeira visita foi ó Monte Talariño na parroquia de Paradiña, en Sarreaus onde nace o río Limia e os pequenos de Portugal mesmo levaron un pouco de auga da zona como recordo.
A seguinte actividade froito do convenio que irmanda Ponte da Lima e Xinzo de Limia, será o vindeiro 11 de decembro na localidade portuguesa, segundo informou o concelleiro de turismo, Carlos Gómez. Alí vaise celebrar o día de Xinzo para levar a cabo unha xornada de intercambio cultural, empresarial e de produtos. A volta desta iniciativa terá lugar no mes de maio en Xinzo coa visita de diferentes colectivos portugueses.