“O humor, a retranca e a ironía son cousas que se están perdendo e é triste”- Antón Rivero

“O humor, a retranca e a ironía son cousas que se están perdendo e é triste”- Antón Rivero
Temos necesidade de recuperación das costumes e do humor que se está perdendo pouco a pouco.- Antón Jardón

Cun salón de actos inusualmente case cheo de xente nun acto destas características, deu comezo a presentación do primeiro libro de relatos e historias “reais” escrito a catro ou dúas mans por Antón Jardón e Delfín Caseiro, e segundo eles insistiron tamén polas súas donas , non detrás, se non diante.

catsTras ler un fragmento do libro, o escritor Antón Riveiro Coello, fixo mención á importancia das personaxes creadas, asegurando que quedarían na historia; e ao humor que o lector pode atopar ao longo das páxinas de A luz da chuvia. En palabras de Riveiro Coello “o humor, a retranca e a ironía son cousas que se están perdendo e é triste” polo que neste libro empregan este elemento humorístico como xeito de coñecer a realidade. Finalmente, rematou a súa quenda de palabra cunha especial mención ao galego “con sabor” e ao “saber con literatura” que enche cada un dos parágrafos que compoñen a obra.

Posteriormente, o ilustrador da obra, Toño Feijóo, comezou a súa intervención cunha anécdota na que recoñeceu que cada unha das ilustracións que se atopan en A luz da chuvia fixéronse “cabalgando na Limia”, nos paseos en bicicleta de cada día. Continuou coa lectura dun parágrafo no que explica o significado da portada, cunha intención moi marcada.

Agradecéndolle a súa colaboración no propósito do libro de “recuperar a nosa cultura popular”, un dos autores, Antón Jardón, acolleu a súa quenda de palabra sumando tamén a este agradecemento a todos os alí presentes; ao Concello e á súa corporación; á Editorial que fixo posible a publicación; ao xornal Dende a Limia que escribe hoxe este artigo; e ao alí presente tamén, Antón Riveiro Coello, polas súas recomendacións para que A luz da chuvia saíse adiante. Fixo tamén Jardón fincapé nas palabras expresadas con anterioridade por Coello, nesa necesidade de recuperación das costumes e do humor que se está perdendo pouco a pouco.

Finalmente, outro dos autores do libro, Delfín Caseiro, sumouse aos agradecementos mencionados por Jardón e incorporou a estes a presenza e importancia das súas mulleres, sempre animándoos no seu camiño. Caseiro mencionou as historias do tempo, a metáfora da chuvia que recrea o tempo das súas infancias, os tempos posteriores e a pequena luz da esencia das súas vidas. E fixo mención, ademais, ao “patrimonio extraordinario que deben ser orgullo e satisfacción” e “á Galicia comprometida coa realidade, cooperativa e solidaria, con moitísima creatividade”.

Rematado o acto pasouse a firma por parte dos autores e ilustrador dos exemplares que xa traian nas mans moitos dos que estiveran presentes na presentación, entre eles a alcaldesa Elvira Lama que aproveitou para inmortalizar a ocasión.

cats3