O departamento de persoal do consistorio colgou no taboleiro unha lista coa relación de centros médicos da vila ós que poden acudir os traballadores en caso de accidente. Tempo despois de emitir esta nota, apareceu escrito a man unha orde presuntamente emitida polo departamento de persoal, na que se obriga a acudir a un clínica concreta e resaltada o nome desta con cor.
A denuncia foi emitida polos socialistas que consideran que "esta actuación demostra que se está a tomar parte en favor dunha determinada clínica, en detrimento das demais, todas elas radicadas en Xinzo, onde pagan os seus impostos", resalta a súa portavoz, Elvira Lama.
O PSOE pídelle explicacións ó grupo de goberno por unha decisión que consideran "irregular".
Dende o Departamento de Persoal do Concello sinalan que non son os autores de dita nota escrita. Destacan que colgaron o papel co nome de tres centros médicos ós que pode acudir o persoal sen ningún trato de favor ou orde de preferencia.
Así mesmo manteñen que xa están a investigar quen puido ser o autor ou autora de dita nota.