Investigan un obxecto en lapas que caeu do ceo en Taboada e que o viron pasar pola Limia

meteorito
Investigan un obxecto en lapas que caeu do ceo en Taboada e que o viron pasar pola Limia

O venres amenceu Galicia co ruxe ruxe da caída dun obxecto en lapas nun prado de Taboada, en Lugo. Segundo o Centro de Atención ás Emerxencias do 112, recibiron varias chamadas informando da caída dun corpo incandescente. Os primeiros avisos chegaron pasadas as 20h do xoves dende disintos puntos da xeografía como Vigo, Oroso, Taboada e Allariz.

O certo é que algúns limiáns confirmaron a este xornal ter visto o que nun primeiro momento parecía unha estrela fugaz que pasou a moita velocidade. Din que a sensación que lles produciu era de que ía caendo do ceo ó tempo que ía ardendo. Estas testemuñas manifestan que tiveron unha sensación de sorpresa e confusión, pois aínda non era noite de todo polo que apreciaron con claridade que era un obxecto incandescente.

En concreto vírono pasar pola zona de Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.

Os investigadores volveron esta mañá a Taboada, lugar no que sitúan as testemuñas a caída deste corpo luminoso para buscar probas. Segundo as últimas informacións emitidas polas forzas da orde, non atoparon indicios que certifiquen que se trata da caída dun meteorito.