“Invisibilizadas para a Medicina”

Intervención de Elvira Lama na xornada
“Invisibilizadas para a Medicina”

O Auditorio de Xinzo, epicentro do debate sobre a discriminación das mulleres como obxecto da ciencia na xornada “Invisibilizadas para a Medicina”

O Auditorio Ángel Cocho de Xinzo de Limia converteuse esta tarde no epicentro do debate sobre a discriminación das mulleres como obxecto da ciencia coa xornada “Invisibilizadas para a Medicina”, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en colaboración co Concello de Xinzo de Limia e a Escola Rural de Saúde da Limia.

Asistentes a xornada

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, inaugurou a xornada e asegurou que “a introdución da perspectiva de xénero na medicina e na investigación vai ligada a que hai mulleres nos lugares de liderado e de toma de decisións, que teñen que aplicar a Igualdade de Xénero como visión transversal en tódolos eidos da vida”. A rexedora insistiu en que “as mulleres somos a metade da poboación mundial, e correspóndennos o 100% dos dereitos”: Ao longo desta tarde, expertas neste eido debaten sobre un tema que cobra peso na sociedade.

Estaba previsto que o primeiro faladoiro fora moderado por María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia. Baixo os títulos Essure, unha historia de violencia obstétrica; A asbestose: estudo do amianto con perspectiva de xénero e Fibromialxia: dor invisible e xénero, unha mala combinación, ofreceranse diferentes charlas da man das expertas María Sabela Landín, presidenta da Asociación de Afectadas de Essure en Galicia; Sara González, gañadora do II Premio Valedora do Pobo para TFG con perspectiva de xénero e Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental.

Tamén segundo o programa que aínda se está a desenvolver estaba previsto que o segundo faladoiro fora moderado por María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, e que contara coas charlas do maxistrado Fernando Lousada, baixo o título As mulleres invisibles e a intervención de Lola Rico, coordinadora da Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.