Isaac Vila: “Dou por feita a cárnica en Xinzo” (2ª Parte)

Vila entrégalle a Pérez o bastón de mando, un xesto do que hoxe dice arrepentirse.
Isaac Vila: “Dou por feita a cárnica en Xinzo” (2ª Parte)
O ex rexedor limiao aclarounos o último malentendido relacionado coa CICAT, e asegurou que de ser hoxe non tería abandonado...

O ex rexedor limiao aclarounos o último malentendido relacionado coa CICAT, e asegurou que de ser hoxe non tería abandonado a alcaldía

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Seguimos falando de futuro con Isaac Vila, e toca falar da CICAT o Centro Industrial Cárnico de Alta Tecnoloxía que está proxectado en territorio limiao. Despois de tres anos e trala subasta dos terreos á que soamente se presentou unha empresa, en cuxo Consello de Administración está o propio Vila, o proxecto non acaba de callar.

A pesar da boa fe que parece acompañar a ámbalas dúas partes, Concello e empresa, e das evidentes oportunidades de emprego que suporá este centro para a comarca, aínda non as teñen todas consigo, non chegan a acordo. Segundo Isaac Vila, a compañía que el representa pediulle ao Concello de Xinzo que lle garantise “o abastecemento de auga e o saneamento”, que se cumprían con ese compromiso “pagarían sen ningún problema o prezo que fose, que aquilo era o de menos”.

Porén, ao entender dos representantes da CICAT que este acordo non se respectou, o día da poxa puxeron sobre a mesa unha cantidade ben máis baixa que os 875.000 euros dos que se partía. 250.000 euros era o que ía no sobre, un xesto que se interpretou coma un engano do que Vila se defende: “cando desde o Concello non se garantiron os servizos aos que se comprometeran, nos entendemos que teríamos que encargarnos deses gastos polo que era de xustiza rebaixar o prezo de saída” . Unha desavenencia que complica sen dúbida o panorama, pero que non impide a Isaac Vila asegurar, ao igual que o seu sucesor, Antonio Pérez, que “da por feito a cárnica en Xinzo”.

“A última vez que vin a Antonio Pérez encontreino desgustado e decepcionado”

Non hai moito que Isaac Vila se atopou por última vez co home que o relevou na alcaldía, Antonio Pérez. Un relevo ao que asegurou que de poder volver atrás no tempo “non tería cedido”, pero que naquel momento “as presións no partido” foron tales que “non podía facer outra cousa.

Vila e Pérez víronse en en Xinzo. E o primeiro confesou que encontrou “a Antonio desgustado e decepcionado coa situación política que lle tocou vivir”. Porén, tamén asegura que non lle pareceu que estivese “arrepentido” de ter iniciado a súa andadura política, e que “ten moitas ganas de seguir”. De seguir, pero seguramente so ata que remate a lexislatura en 2015: “creo que Pérez demostrou moitas veces que non quere repetir na alcaldía”, sentenciaba este líder popular entrelazando as mans.

Polo que puidemos comprobar, a delicada situación que vive o actual rexedor limiao derivada dunha serie de sentenzas relacionadas con contratos irregulares a traballadores do Concello, non se lle escapa a Isaac Vila. O que foi presidente do consistorio da capital da Limia durante boa parte do período democrático, asegura que Pérez lle explicou que os informes elaborados polo secretario eran posteriores ás contratacións.“Feito que eu non dubido, pero o descoñecemento da lei non te exime da responsabilidade”, concluía Vila.

Un dos erros nos que caeu o seu sucesor foi para este veterano da política do noso país “poñer en contra ao secretario”. E explicounos que na vida do órgano local “hai que tratar de ter ao secretario sempre do teu lado, porque o seu dominio das leis permitirache conseguir moitas máis cousas para os veciños”. Asegurou que Pérez aguantará no seu cargo ata que as urnas digan o contrario, pero non se aventura a vaticinar cal será o destino do político no seus asuntos coa xustiza, declarándose  “moi escéptico” con todo o que ten que ver cos xulgados.