O antigo rexedor limiao asegura que regresaría á política de bo grado se fose para acabar coas diferenzas que provocaron a fragmentación do partido popular no Concello
MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO
(Primeira Parte) Hai apenas tres anos que Isaac Vila Rodríguez deixaba a alcaldía, despois de máis de vinte anos á fronte do Concello de Xinzo. E a día de hoxe, despois de ter abandonado tamén a cámara alta, asegura que está encantado e feliz de terse retirado. Iso é o que contesta o ex líder limiao á obrigada pregunta sobre a súa intención de regresar aos escanos. Hai aínda uns meses algúns anunciaban o seu posible reenganche para as eleccións de 2015. El di que non, e para incidir aínda máis nesta postura confesa: cando falo cos meus ex compañeiros do Senado cóntanme a angustia que supón estar hoxe en día nese mundo, e non é algo que queira para min, ademais é unha etapa na miña vida que xa finalizou.
A única excepción que confirmaría a regra que agora rexe a vida política de Vila sería que desde o partido, en Xinzo lle pedisen axuda para acabar coas diferenzas que provocaron a súa fragmentación e que levaron a algún dos concelleiros, antes do grupo de goberno a formar agora parte da oposición. Non quero ir eu de redentor de nada se non me chaman, pero se mo piden téñenme alí, e ademais faríame moita ilusión, afirma con seguridade. Sería esta a única circunstancia que animaría ao ex senador a volver a ese mundo no que con calquera cousa que fas vas aos periódicos.
Para político na familia xa chegaches ti
Precisamente esta premisa de saír na prensa a cada paso que se da é para Isaac Vila, unha das razóns que afastan ao seu fillo Carlos da carreira política. Algunhas voces colócano nun futuro próximo no consistorio limiao. O seu pai non o ve tan claro: sempre que se fala do tema el di, para político na familia xa chegaches ti, ademais el está moi metido na empresa privada e non lle interesa a política. O que si sabe é o que lle diría se algunha vez Carlos lle pedise consello sobre este tema: nin que si, nin que non, é unha decisión soamente del.
A nosa conversa con Isaac Vila foi extensa e deu para tocar moitos temas. Hai unha segunda parte desta entrevista que publicaremos en breve. Neste segundo lance, o ex rexedor de Xinzo de Limia comentounos cal é a situación actual do CICAT (a cárnica) e a súa opinión a respecto da situación xudicial que vive o Concello, e máis concretamente o seu sucesor Antonio Pérez.