A mediodía, na Praza Maior, Elvira Lama procedeu á lectura da declaración institucional da Fegamp, á que se une o Concello de Xinzo de Limia para manifestar a determinación por erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas, achegados e achegadas, vítimas do machismo. A rexedora tamén alzou a voz para lanzar “unha mensaxe de esperanza e forza para todas esas mulleres que están a sufrir a violencia machista e a calquera que sufra o maltrato de xénero”. Lembroulles que “non teñen que toleralo baixo ningunha forma e estamos ao seu carón para axudalas a saír”.

A programación do Concello de Xinzo de Limia para conmemorar o 25-N en contra da violencia de xénero continuará o luns. Para loitar contra esta lacra social é clave a educación dos máis novos e por iso ofrecerase unha charla informativa sobre as agresións sexuais e a violencia sexual. Levarase a cabo no IES Lagoa de Antela, ás 16.00 horas, e diríxese aos alumnos e alumnas dos dous institutos da vila.