Os limiaos, estrelas da canción por un día

Galicia Lipdiub
Os limiaos, estrelas da canción por un día
O programa da TVG “Galicia Lipdub” terá como protagonistas da súa próxima entrega aos veciños e veciñas de Xinzo que...

O programa da TVG “Galicia Lipdub” terá como protagonistas da súa próxima entrega aos veciños e veciñas de Xinzo que se prestaron, facendo gala do seu lado máis festeiro, para gravaren un vídeo musical.  O novo capítulo de “Galicia Lipdub” que se emitirá mañá mércores a partir das 23.30 horas contou coa participación, entre outros, da Asociación Limisi para a Promoción de Discapacitados Psíquicos da Limia.

Deste xeito, a televisión autonómica viaxa por toda a xeografía do país para por a bailar e cantar aos galegos, mediante a gravación dun vídeo musical no que os participantes interpretan a modo de “playback”, sincronizando os seus beizos, xestos e movementos, unha canción de moda ou popular. Ademais, esta actuación serve como plataforma de expresión, pois permite aos colectivos e asociacións das vilas, aldeas e cidades que se percorrerán, dar a coñecer a súa labor.

Na busca de xente amante da troula pola comarca da Limia, a caravana do programa atopou a Asociación Limisi desde onde aseguran que “a experiencia foi boa”. Definiron o día da gravación, alá por mediados de abril, como unha xornada “diferente e divertida”, a pesar da inconveniencia de “ensaiar pola maña e volver pola tarde para gravar”. En canto a participación do usuarios do centro ocupacional, a organización asegurou que se “involucraron e puxeron todo da súa parte para que saíse o mellor posible”. Todos atentos logo ao resultado mañá as 23:30 na Televisión de Galicia.

(31/07/13)

Emisión cancelada 

Finalmente a emisión do "Galicia Lipdub" prevista para hoxe día 31 de xullo, foi cancelada. Os responsables do programa aseguraron na súa conta de "twitter" que "están pendendes de confirmación do novo día de emisión". Tocará logo esperar para ver aos veciños da vila demostrar o seu talento para o espectáculo.