A Reserva da Biosfera Gêres-Xurés recollida nun documental producido por Illa Bufarda

xures
A Reserva da Biosfera Gêres-Xurés recollida nun documental producido por Illa Bufarda

"Patrimonio habitado" preséntase este sábado en Lobios

A Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés organiza os días 5 e 6 de marzo unha xornada de portas abertas ó patrimonio. Durante o sábado e o domingo, as persoas que se acheguen ata Lobios poderán gozar de conferencias, mesas redondas e exposicións sobre o traballo feito pola Reserva da Biosfera.

Unha das actividades que destaca é a estrea do documental "Patrimonio habitado", con entrevistas a persoas da zona, que habitan e coñecen de primeira man o patrimonio que os rodea e quenes contribúen a conservalo e trasmiten o seu valor.

Estre traballo audiovisual está producido por Illa Bufarda, con Sabela e Adriana á fronte. Esta peza contextualízase dentro dun proxecto promovido pola Reserva da Biosfera e executado por MaOs innovación Social e Feitoría Verde en conxunto. "Como directoras do documental Patrimonio Habitado dende o comezo pareceunos un luxo poder formar parte do equipo de traballo, viaxando, coñecendo lugares e xente que che abre as súas casas é un privilexio", sinalan dende Illa Bufarda.

Neste documental pódense coñecer de primeira man os concellos que compoñen a Reserva da Biosfera, a súa xente, as súas tradicións, oficios ou mesmo as súas festas populares.

"O documental faise dende o sorriso e dende a alegría e tamén convida a reflexionar arredor dos tesouros propios que nos corresponde coñecer e preservar. O obxectivo que perseguía era facer dun xeito coral unha viaxe polo territorio e afondar no patromonio inmaterial e na sabedoría das xentes do lugar. Sobre todo como iso existe a día de hoxe e, nalgúns casos, como se preserva na xente nova, un bo exemplo disto é o entroido", matizan as directoras de "Patrimonio habitado".

A estrea desta peza audiovisual terá lugar o sábado 5 ás 12.15h na sede do Parque Natural Baixa-Limia Xurés en Lobios.