A longa sombra dos recortes sanitarios alcanza Xinzo

Centro de Saúde de Xinzo
A longa sombra dos recortes sanitarios alcanza Xinzo
ANOVA denuncia que durante o verán, non se contrata persoal que cubra as ausencias por vacacións, no centro de saúde...

ANOVA denuncia que durante o verán, non se contrata persoal que cubra as ausencias por vacacións, no centro de saúde da vila

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Chega o verán, e con el as vacacións, para todos. Tamén para os profesionais sanitarios. Ata aí todo ben, o problema chega cando caemos na conta de que a enfermidade non comprende de estacións nin períodos. É por este motivo, que a organización política ANOVA ven de denunciar, que no Centro de Saúde de Xinzo funciónase a medio gas nos meses de xullo e agosto. Os recortes impiden que o SERGAS contrate persoal que substitúa aos facultativos que se encontran na súa época de descanso estival, cos conseguintes dous grupos de afectados, os compañeiros que “están saturados de pacientes”, e os pacientes que “teñen que sufrir esperas excesivamente prolongadas”.

Para máis INRI, como ben apunta a Irmandade Nacionalista de A Limia, esta é unha comarca que co bo tempo duplica, senón triplica a súa poboación debido a todos os emigrantes que retornan para descansar. Redúcense a metade os profesionais e duplícanse os pacientes.

En pediatría a situación é cando menos, dramática. Xinzo de Limia é a única poboación que conta con esta especialidade, polo que recibe pequenos de todos os concellos da redonda. No verán, quedan un pediatra e unha enfermeira para atenderen aos cativos de  once concellos, os que se lle suman os desprazados polas vacacións.

Sen controis anuais para os pequenos nacidos no verán

A situación precaria que vive o servizo de pediatría chega a provocar casos, segundo ANOVA, de “desatención médica”. Así, a aqueles nenos nacidos nos meses de xullo e agosto non se lles realizan desde hai tres anos, as chamadas revisións ou controis anuais. Todo isto por falta de persoal, e ante a necesidade de priorizar.

Para o colectivo nacionalista esta é un proba máis de cómo “as políticas austericidas do PP atacan ás persoas máis vulnerables, os doentes e os nenos”, e comprométense a “seguir denunciando e combatendo calquera ataque ao que sexa sometida a cidadanía”, por parte dun Goberno, ao que acusan de “gobernar sen ter en conta as necesidades da xente”.

O Sergas nega todo

Desde o outro lado da trincheira, a  Xerencia de Xestión Integrada de Ourense leva as mans á cabeza ante a denuncia de ANOVA. Desde o servizo de saúde, aseguran que o centro médico limiao conta co número de persoal adecuado, para atender con normalidade a demanda, que eles entenden que no verán é menor, debido aos desprazamentos dos usuarios habituais.

E mentres non hai acordo oficial de se hai médicos abondo ou non na Limia, os que acaban sufrindo o problema son, coma sempre, usuarios e traballadores, e iso que din por aí que ca saúde non se xoga.