Luis Rodríguez Míguez recibe o Ouro Azul do Bosque Máxico

IMG_0104
Luis Rodríguez Míguez recibe o Ouro Azul do Bosque Máxico
O pai do termalismo contemporáneo recordou que non vale de nada a abundancia de recursos sen ideas MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twitter: @MariaFdezRomero “A...

O pai do termalismo contemporáneo recordou que non vale de nada a abundancia de recursos sen ideas

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

“A pequenez mental estase apoderando da nosa sociedade”, aseguraba o venres o doutor Luis Rodríguez Míguez no seu breve discurso de agradecemento tras ter recibido o premio Ouro Azul outorgado polo Bosque Máxico. Un monte de amigos arroupaba no Salón de Graos do Edificio Politécnico do Campus de Ourense ao que é recoñecido coma o pai do termalismo moderno. Porén, e a pesar destas verbas pesimistas Rodríguez Míguez abría unha ventá á esperanza: “a vida é unha enfermidade de transmisión sexual cun cen por cento de mortalidade, así que a vivir!”. E recordaba que no seu eido de especialización, o relacionado coas augas mineiro- medicinais, “de nada valen os recursos sen boas ideas que os xestionen”.

Selo Ouro Azul para auga mineiro- medicinal galega

O doutor prometeu ante o auditorio presente o seu compromiso de loitar pola creación do selo Ouro Azul como a marca galega da auga mineiro- medicinal. No acto de entrega deste galardón tamén estiveron presentes Toño Monteiro, como representante do colectivo O Bosque Máxico, que une os municipios das comarcas de Celanova e a Baixa Limia e o rexedor celanovés, José Luis Ferro. Na súa intervención Monteiro quixo resaltar “a labor dos gardas dese tesouro que é o Ouro Azul”  que coma Míguez loitan porque a nosa auga se manteña “no seu estado natural, incoloro, inodoro, insípido e nivelítico”. Pola súa banda José Luis Ferro, apelou á presenza no acto do vicepresidente do Parlamento galego Miguel Santalices para reivindicar que a riqueza termal ourensá, que nos converte “na provincia termal máis importante de España”, podería incluso “entrar na sanidade pública”.