Luís Villares "non só somos indignados senón que estamos comprometidos"

Villares na súa primeira visita a Xinzo como candidato á Xunta
Luís Villares "non só somos indignados senón que estamos comprometidos"

O candidato de En Marea á presidencia da Xunta de Galicia mantivo un encontro coa cidadanía da Limia. Luís Villares deixou constancia de que a súa formación aposta polo rural rachando as políticas do PP e que van traballar para que a xente deixe de emigrar.

Isto supón loitar contra o abandono do rural e facer unha nova política forestal. Neste senso Villares destacou que cómpre "rematar coa privatización dos que apagan o lume" e apuntou que hai que invertir máis en prevención e na mellora dos montes. Sinalou que de 150 millóns de euros , 100 invírtense en extinción e tan só 50 en prevención.

villares 1

O candidato de En Marea falou de comarcalizar a ordenación territorial de Galicia lembrando o artigo 27 do Estatuto de Autonomía que contempla a organización da nosa comunidade en comarcas. Fixo unha apelación a dedicarlle a estas os recursos precisos para que sexan eficientes, rexeitando así a fusión de concellos que está a desenvolver o Partido Popular.

Luís Villares fixo estas declaracións perante un grupo de asistentes que se achegaron ata o restaurante Nova Frita de Xinzo de Limia. Pola mañá visitou Ourense onde presentou unha parte do programa de En Marea que seguirá desvelando na súa ruta política por Galicia.