Máis de dous millóns de euros para coidar da “vida” do noso Limia

Presentación Proxecto Life 1
Máis de dous millóns de euros para coidar da “vida” do noso Limia
Un proxecto impulsado pola UE e Confederación Hidrográfica Miño-Sil tratará de eliminar a contaminación fluvial REDACCIÓN O proxecto “Life Regenera Limia” traerá...

Un proxecto impulsado pola UE e Confederación Hidrográfica Miño-Sil tratará de eliminar a contaminación fluvial

REDACCIÓN

O proxecto “Life Regenera Limia” traerá 2.248.000 euros, para a loita contra a contaminación do río Limia. Búscase a rexeneración da auga e o control no uso de fertilizantes e abonos que poidan resultar tóxicos para o curso fluvial, ou polo menos iso é o que se asegura desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Unión Europea, responsables da iniciativa.

Onte presentábase no salón de plenos do Concello de Xinzo, ante unha morea de personalidades políticas xa que a parte da UE, que aportará por medio do programa Life preto de 956.054 euros, este proxecto conta con varios socios. Compañeiros de viaxe como a Consellería de Medio Ambiente, a Deputación e varias empresas coma Ecolagunas, Corén ou Gas Natural Fenosa, que tamén aporta fondos para a causa.

De aí que ao acto acudisen a parte do anfitrión, Antonio Pérez, rexedor limiao e o resto de alcaldes dos concellos bañados polo Limia, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, así como os respectivos representantes das empresas implicadas na iniciativa.

Tamén estivo presente Alberto Anta, técnico da Confederación Hidrográfica, que se encargou de dar todos os detalles relacionados co proxecto, que comezará a súa andadura no segundo semestre do ano próximo. Segundo explicou o experto, as actuacións pasan polo “cambio na xestión de puríns e fertilizantes”, así como por intentar dar solución a problemas como o que se viven nas Conchas. Se ben os agricultores non están de acordo con toda a responsabilidade que se lles achaca no tema das cianobacterias, os investigadores barallan que entre as causas desta contaminación, poderían estar as malas prácticas agrogandeiras.