Iniciáronse tamén no encadernado de libros co programa da Xunta Enredando, artesanía na escola
REDACCIÓN
Os alumnos dos colexios de Sarreaus, Sandiás e Rairiz enzoufaron onte as mans, emulando aos grandes artesáns, mentres aprendían o proceso de elaboración do papel e se iniciaban no encadernado de libros. Esta actividade encádrase no programa da Consellería de Economía e Industria Enredando, artesanía na escola que persegue segundo fontes oficiais concienciar á sociedade, comezando polos máis novos, do valor do produto feito á man.
O proxecto púxoo en marcha a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e esta unidade didáctica en concreto, está orientada a explicar a elaboración artesanal de papel empregando os materiais e a mestura de fibras de bambú e de eucalipto. Unha artesá mostroulles en directo a alumnos e profesores destes coles da Limia o proceso, do que saíron unhas fermosas follas coas que despois os cativos realizaron a encadernación dun libro.
Esta iniciativa tamén pretende presentarlles aos rapaces que a artesanía pode ser unha boa alternativa para o seu futuro laboral; incidindo así na remuda xeracional nos oficios máis tradicionais, promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.