En Marea reclama en Xinzo "medidas máis drásticas" contra a couza guatemalteca

IMG_8716 (2)
En Marea reclama en Xinzo "medidas máis drásticas" contra a couza guatemalteca

Luis Villares denunciou que as trampas que se colocaran por parte da consellería nas principais zonas produtoras "eran practicamente testemuñais" e solicitou á Xunta de Galicia "medidas máis drásticas" para evitar que a problemática poida afectar á comarca da Limia.

O portavoz de En Marea no Parlamento Galego visitou onte Xinzo de Limia para se reunir cos veciños produtores de patacas da comarca. Villares estivo acompañado do tamén deputado Davide Rodríguez –anterior alcalde de Manzaneda– e pola concelleira de Xinzo Adiante e membro da executiva de En Marea, Francisca Rodríguez.

A xuntanza celebrouse no Auditorio da Casa da Cultura da capital da Limia e nela estiveron presentes algúns membros de Xinzo Adiante e algo máis dunha ducia de veciños. Falouse da problemática da couza guatemalteca, cuestión que preocupa aos produtores polas posibilidades de que a praga se estenda ao sur de Galicia. Villares denunciou que as trampas que se colocaran por parte da consellería nas principais zonas produtoras "eran practicamente testemuñais" e solicitou á Xunta de Galicia "medidas máis drásticas" para evitar que a problemática poida afectar ás comarcas da Limia ou de Coristanco –principais zonas produtoras do país–.

IMG_8721 (2)

Os ponentes coincidían na preocupación por unha posible merma da imaxe do produto no mercado, debida en parte á alarma creada nos medios de comunicación nas últimas semanas. "Consideramos que a administración debe tomar urxentemente medidas para evitar que a praga siga avanzando", afirmou o xefe da oposición. Os ponentes comentaron que estiveran a anterior semana na zona galega afectada. O deputado Davide comentou que no pleno do Parlamento reclamaran "máis información e formación para os agricultores da zona da Limia" e que a estas alturas "debería haber xente xa traballando in situ para axudar a previr e detectar a posible incursión da praga na zona".