A Baixa Limia pide a recuperación do Xurés con políticas contra os lumes

baixa
A Baixa Limia pide a recuperación do Xurés con políticas contra os lumes

A Asociación Medioambiental Xuresianos-Geresianos (Axuge) e a Plataforma Baixa Limia, puxeron en marcha un acto para por en valor o Parque Natural do Xurés e frear os lumes que acaban cos montes.

A presa do embalse de Maus de Salas, en Muíños, foi o escenario onde os asistentes gardaron un minuto de silencio tras os incendios forestais que arrasaron máis de 4.000 hectáreas na Baixa Limia.

Unhas 400 persoas, segundo a organización, asistiron este sábado á lectura dun manifesto e á plantación dunha árbore en Requiás, rodeadas da cor negra do monte calcinado por mor das lapas a pasada semana.

Os asistentes trasladáronse dende Muíños ata a parroquia de A Illa, en Entrimo. Alí gardaron outro minuto de silencio e plantaron outra árbore rodeados de fume a causa do incendio que afecta á zona dende hai unha semana.

Segundo manifestaron os convocantes deste acto, o primordial é a unión do pobo para loitar polo ben común como é a recuperación do Xurés e engaden que é preciso "a posta en marcha das medidas necesarias para que isto non se repita nun futuro. Con todas estas ideas tratarase de crear unha mesa de traballo por un Xurés vivo na que estarán representadas as diferentes asociacións de veciños, comunidades de montes e todas aquelas asociacións que representen ás xentes da Baixa Limia e os seus intereses".