Tras un mes de sufrimento, a familia de Nicole respira tranquila pois a rapaza de 15 anos está de volta no seu fogar. Na noite do luns, a policía xudicial acudiu a un coñecido negocio da vila onde traballa a nai da moza para darlles a boa nova de que a súa filla estaba localizada. Tras mes e medio de busca, os axentes deron co seu paradoiro en Oporto.
A adolescente faltaba na súa casa dende decembro de 2015, tras deixar unha nota na que avisaba a súa familia que marchaba e que xa os visitaría no 2016. A primeira pista que se seguiu foi o feito de que Nicole collese un taxi en Xinzo dirección Vilardevós,acompañada por dous mozos. Unha vez alí, a moza collería un autobús e baixaría cara Oporto. Esta é a información que por agora manexan os achegados á familia.
Polo momento, a rapaza está no seu fogar acompañada da familia e á espera de pasar os pertinentes exames de saúde para comprobar que se atopa en bo estado. Entre tanto, os axentes cotinúan coas súas investigacións para esclarecer o motivo polo que Nicole se foi da súa casa por segunda vez e quenes son as persoas que a acompañaron.
A familia e achegados agradecen as mostras de cariño dos veciños e veciñas e de todas as persoas que colaboraron para difundir información sobre Nicole que axudase a dar co seu paradoiro.