O noso río Limia, ese gran sufridor

O noso río Limia, ese gran sufridor
A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia un novo colapso hidróloxico na comarca REDACCIÓN Como ven pasando desde hai 15 anos, a...

A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia un novo colapso hidróloxico na comarca

REDACCIÓN

Como ven pasando desde hai 15 anos, a Sociedade Galega de Historia Natural denunciou un novo colapso hidrolóxico na cabeceira da bacía do río Limia. Un triste feito que se converteu xa en rutina. Segundo os expertos, a pesar de ter sido a pasada primavera unha das máis frías e chuviosas do último cuarto de século, en concreto desde 1986, o caudal do curso fluvial non chega nin á cuarta parte do seu caudal ecolóxico mínimo.

A pasada semana non acadaba os 200 litros por segundo cando debería superar, segundo o Plan Hidrolóxico os 800. A SGHN recorda que esta situación “infrinxe o Real Decreto 285/2013 e a Directiva 2000/60/CE”. Ante este feito e temendo o que pode ocorrer nun ano que sexa seco, a Sociedade ven de esixir á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral da Auga do Ministerio que “se adopten todas as medidas previstas pola lexislación vixente para que se recuperen os caudais ecolóxicos mínimos nas masas de auga da chaira limiá”.

Precisamente por ter sido este 2013 un ano especialmente húmido, dedúcese desde a SGHN que o motivo desta precaria situación é un mal uso, abusivo, da auga.

Coren promete non contaminar máis en Muíños

A empresa de alimentación Coren confirmoulle ao alcalde do municipio Plácido Álvarez, o cese dos vertidos nos montes da parroquia de Porqueirós. Así esta práctica contaminante debería cesar “de inmediato”, segundo indicou o rexedor quen aseguraba que “no sucesivo non se producirán máis vertidos e que a empresa comprométese a parar os actuais de maneira inminente”.

A explicación que deu Coren a  que varios dous seus camións depositasen puríns nesta zona do concello de Muíños, foi que o responsable deste tipo de asuntos xubilouse recentemente, polo que a dirección do Grupo descoñecía tales prácticas. Iso si, desde a empresa insistiron en que una vez que souberon o que pasaba, ordenaron que acabasen estas actuacións.