Novo aparcamento, rotativo e gratuito en Xinzo

IMG_20210721_103143
Novo aparcamento, rotativo e gratuito en Xinzo
Situarase xusto na primeira rotonda da estrada de Celanova

Coa construción do novo aparcadoiro ao aire libre da avenida de Celanova, o Concello de Xinzo non só liberará os espazos públicos de vehículos, senón que axudará á recuperación do sector comercial da zona. Foron os empresarios os que solicitaron esta actuación ao executivo local, que agora cumprirá a súa demanda trala adxudicación dos traballos á empresa Carreira Bella. Neste sentido pronunciouse o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez: “Será unha actuación que pretende axudar ao sector en tempos de crise, ao mesmo tempo que se facilitan as compras a veciños e visitantes”.

gráficoO presuposto das obras ronda os 15.000 euros e o prazo de execución é de 30 días. Neste segundo aparcadoiro público ao aire libre –o primeiro destas características construíuse na rúa Curros Enríquez- distribuiranse as 25 prazas en batería para optimizar o espazo dispoñible, que se adapta á forma triangular do terreo. Nun dos vértices irán un total de 11 espazos aptos para o aparcamento, mentres que o resto se repartirá entre os restantes. O proxecto contempla un amplo espazo para facilitar a mobilidade dos vehículos no interior do párking.

Trátase, en definitiva, dunha superficie ao aire libre que pretende aliviar a circulación polas principais rúas do municipio, xa que é habitual detectar coches mal estacionados nesta zona comercial que en moitos casos dificultan a circulación.