Obradoiros de xardinería e albanelería para persoas desempregadas da Limia

obradoiros
Obradoiros de xardinería e albanelería para persoas desempregadas da Limia

A formación será para xente en paro de Sarreaus, Vilar de Barrio, Trasmiras e Sandiás

Un total de 20 persoas de Sarreaus, Vilar de Barrio, Trasmiras e Sandiás, poderán participar nestes obradoiros de xardinería e albanelería. O requisito fundamental que deben cumprir é que estean en situación de desemprego.

A formación levarase a cabo por un periodo de seis meses no cal os participantes van adquirir as habilidades precisas para atopar un traballo nestes eidos.

Neste tempo o alumnado tamén porá en práctica os coñecementos adquiridos a través dunha seria de actuacións nos diferentes concellos. Así no caso de Sarreaus levarán a cabo o mantemento, conservación e renovación do peche perimetral da pista polideportiva de Lodoselo. Dito grupo tamén se vai encargar da reparación do tanque de abastecemento de auga de Paradiña. Outra das actuacións será no entorno do muíño e da piscina e levarán a cabo a restauración medioambiental de distintas zonas axardinadas, no concello de Sarreaus.

O grupo de Trasmiras procederá ó acondicionamento do local da antiga escola de Vilaseca e encargaranse de facer obras de xardinería en Viladerrei ou Abavides, entre outras moitas aldeas.

No caso de Vilar de Barrio procederán a acondicionar a antiga casa do médico e o interior da casa do mestre. Tamén se van encargar de mellorar a área recreativa que se atopa diantes das piscinas.

En Sandiás faranse traballos no contorno do centro socia de Cerredelo e procederase á mellora da rampa de acceso ó mesmo.

Estes cursos póñense en marcha coa colaboración dos concellos e a Xunta de Galicia.