A oposición limiá insiste na celebración dun pleno extraordinario no que Pérez de explicacións

A oposición limiá insiste na celebración dun pleno extraordinario no que Pérez de explicacións

PSOE e BNG esixen unha nova convocatoria despois de non terse presentado á do día 12 por  considerala “irregular”

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Despois de que rematasen os prazos estipulados pola lei para a convocatoria do pleno solicitado pola oposición do Concello de Xinzo de Limia o pasado 25 de novembro, os concelleiros volven á carga. BNG e PSOE uníronse de novo para esixirlle ao alcalde a celebración dunha asemblea extraordinaria, despois de non ter acudido á do día 12 de decembro por considerala “irregular”.

Neste pleno, os rivais políticos de Antonio Pérez solicítanlle que “dea conta e explique ás veciñas e veciños de Xinzo cal é a súa situación xurídico-procesal logo das sentencias emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense”. Unhas sentenzas que anularon, polo momento, cinco contratacións de persoal laboral temporal feitas polo rexedor durante o exercicio 2012. Uns contratos efectuados de forma irregular segundo varios maxistrados por ignorar os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, por non contar cos correspondentes procesos de selección e contravindo o Real Decreto, polo cal o goberno central prohibía expresamente o aumento de persoal na administración por mor da crise.

Ademais, nesta nova convocatoria a oposición engade un novo punto á orde do día que deriva da renuncia do secretario do Concello, tralo precinto do seu ordenador por orde da Policía Local. BNG e PSOE piden unha “explicación, análise e debate da situación administrativa do Concello” desde que este funcionario e a súa adxunta abandonaron o consistorio, así como das denuncias que o alcalde antepuxo contra ambos por “manipulación de datos”.