O orzamento do Concello de Xinzo de Limia para o 2023 supera a barreira dos 8 millóns de euros

Casa Concello Nadal 2022
O orzamento do Concello de Xinzo de Limia para o 2023 supera a barreira dos 8 millóns de euros
O executivo local levará ao pleno de mañá a aprobación inicial do presuposto co fin de sacalo adiante antes do remate do ano, atendendo ademais ao plan de axuste do Ministerio de Facenda

O orzamento do Concello de Xinzo de Limia supera a barreira dos oito millóns de euros, alcanzando a cifra de 8.111.777 euros no apartado de ingresos. O executivo local levará a aprobación inicial do presuposto ao pleno de mañá co fin de sacalo adiante antes de que remate este ano e atendendo ademais ao plan de axuste do Ministerio de Facenda, que esixe a redución do 2% e ao que está sometido o concello debido a deficiente xestión económica realizada nos anteriores mandatos.

No orzamento contémplase un gasto de persoal de 4.339.467 euros (53,88% do total) e un gasto corrente de 2.738.039 euros (34%).

Desta forma, e por segundo ano consecutivo, o executivo local prevé aprobar inicialmente os orzamentos en tempo e forma e antes de que comece o exercicio orzamentado.

Na sesión plenaria nomearase, a título póstumo, a Ramón de la Fuente Galván como fillo adoptivo, pola súa traxectoria e dedicación ao Concello de Xinzo de Limia, tanto na súa faceta profesional como médico como na súa actividade política, así como promotor e colaborador, de xeito persoal e desinteresado, en diferentes accións e actividades no eido cultura e deportivo.

Trandeiras aerea
Trandeiras aerea

Na orde do día tamén se inclúe a ratificación da terceira addenda modificativa do convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Xinzo de Limia para as actuacións das infraestruturas hidráulicas asociadas ao Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras. Son tres os obxectivos que se perseguen coas obras de rescate: Recuperar do esquecemento, dar visibilidade e poñer en valor esta xoia patrimonial que presenta un estado de abandono e incluso un risco para a seguridade dos visitantes. A Confederación aportará o 90% do orzamento e a administración local o 10 %.

No apartado de mocións, o goberno local proporá unha serie de medidas e demandas para mellorar a atención sanitaria en Xinzo de Limia e que abarcan desde o incremento de máis especialistas ata a ampliación do centro de saúde. Nas últimas semanas, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, mantivo diferentes reunións cos responsables sanitarios do centro de saúde, primeiro para coñecer de primeira man as carencias e deficiencias que detectan a diario, pero tamén para reportarlle, froito desas reunións, as demandas incluídas na moción que se debaterá no pleno. Entre outras, figura un incremento de persoal para cubrir baixas e días de descanso, pois hai unanimidade entre profesionais e pacientes con relación á escaseza dos primeiros.