Orzamentos, ata o ano que ven!

Pleno agosto 2013
Orzamentos, ata o ano que ven!
Despois dun arduo debate, a corporación municipal conseguiu por fin, oito meses despois, dar carpetazo ao tema das contas MARÍA FERNÁNDEZ...

Despois dun arduo debate, a corporación municipal conseguiu por fin, oito meses despois, dar carpetazo ao tema das contas

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

O partido popular de Xinzo de Limia conseguiu aprobar logo de case dúas horas de debate, os orzamentos para 2013, pero tivo que facelo en solitario. A oposición centrouse en intentar derribar as contas por consideralas “unha chapuza”, idea na que coincidiron ANOVA e BNG. A voceira socialista, Elvira Lama, responsable de que os presupostos non puidesen ser aprobados na pasada sesión mediante unha alegación por falta de documentación, acusou ao grupo de goberno de presentar “uns orzamentos de mentira, nun intento de silenciar a oposición e timar aos veciños”.

“Todo o mundo critica pero ninguén fai propostas”

López Casas, encargouse de defender as contas desde a bancada popular, subliñando o descenso nos gastos e o superávit, e alegando que o resto dos grupos políticos “soamente saben facer críticas apocalípticas, pero non son capaces de elaborar alternativas”. O rexedor municipal secundou os argumentos do seu compañeiro asegurando que lle gustaría que algunha vez a oposición elaborase unha proposta seria: “pero para iso hai que saber, e traballar”.

Para Pérez Campos, representante de ANOVA, os presupostos deste ano son “totalmente continuistas”,  simplemente “un calco” dos do exercicio pasado. Idea que apoiou Lama cando dixo nunha das súas intervencións que, eran “de corta e pega”. Para os grupos da esquerda, estas contas non teñen en consideración as necesidades dos veciños, e condúcenos “a un austericidio, que non axuda a saír da crise”.

O alcalde pechou a quenda de intervencións sobre as contas limiás permitíndose darlle un consello ao resto dos grupos da corporación: “por ese camiño da apocalipse e do non por sistema, volverán a perder as próximas eleccións”.