Ourense “transfórmase” desde Bande

TOU
Ourense “transfórmase” desde Bande
A capital da Baixa Limia acolle un foro que analiza iniciativas para emprendedores e desempregados do rural REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia Esta tarde inaugurábanse...

A capital da Baixa Limia acolle un foro que analiza iniciativas para emprendedores e desempregados do rural

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Esta tarde inaugurábanse en Bande, na sala de conferencias do Aquis Querquennis, as xornadas “Transforma Ourense”. Facíano o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, e teñen como obxectivo a xeración de oportunidades de empredemento no rural.

O Foro Transformando Ourense (TOU), promovido pola Deputación, ten como obxectivo visibilizar e propoñer proxectos e exemplos de éxito no eido empresarial para que sirvan de referente a emprendedores e desempregados que teñan unha idea para desenvolver no medio rural.

Nas xornadas exporanse iniciativas empresariais e proxectos de éxito dos ámbitos agroalimentario, cooperativas, recursos naturais e forestais e aspectos financeiros e empresariais, a cargo de empresarios e expertos, que darán a súa visión das ferramentas que os emprendedores teñen a súa disposición para iniciar un proxecto empresarial no medio rural e as potencialidades que este medio ten. Desta maneira, haberá relatorios específicos sobre agroalimentación, viveiros, produción de olivo e aceite, apicultura, banco de terras, xestión das augas, comercio electrónico orientado á comercialización de produtos do medio rural, loxística, aproveitamento do monte, patrimonio e turismo.

Ao longo dos tres días que dura o foro exporanse 14 relatorios, concibidos todos cunha finalidade didáctica, onde o asistentes terá a posibilidade de acceder a unha información concreta e de interese sobre cada tema, “onde pretendemos resolver preguntas e achegar solucións aos emprendedores e ás persoas desempregadas. Queremos que quen se achegue ao foro cunha idea poida saír cunha solución”, explicou José Antonio Armada o pasado martes na presentación do foro.