Segundo Fomento o problema é "puntual" e os traballos retomaranse en cuestión de días
REDACCIÓN
Twitter: @Dendealimia
As obras para refundir o firme na estrada que une Xinzo e Vilar de Barrio, e así darlle máis altura á ponte da autovía das Rías Baixas situada por encima, evitando os choques dos vehículos máis altos, comezaron a finais do pasado mes de abril. Uns traballos financiados polo Ministerio de Fomento e cun orzamento de preto de 400.000 euros que a días de hoxe están paralizados. "Cortaron un carril da estrada, levantaron o firme e teñen todo parado, obrigando ós condutores a circular de forma alternativa polo outro carril", aseguraba en declaracións ao diario La Región o camioneiro José Lafuente.
Ante esta situación, os veciños e condutores que frecuentan a vila xa presentaron distintas queixas ante o Concello para que se retomen os traballos o antes posible. Pero o alcalde descoñecía a día de onte o porqué da pausa nas obras, mentres que desde o Ministerio de Fomento aseguran que o problema é puntual e que os traballadores regresarán en cuestión de días.