A pensión media na Limia é a máis baixa de toda a provincia cun importe de 645 euros

abuela 1
A pensión media na Limia é a máis baixa de toda a provincia cun importe de 645 euros

Son datos do Observatorio Económico Ourensán que recolle que Vilar de Barrio e Sandiás foi onde máis emprego se creou en 2015

A demografía é o gran problema ó que ten que facer fronte a comarca da Limia hoxe en día. A perda de habitantes nos 11 concellos que a forman é unha constante. No último ano a media de residentes que se perden sitúase nos 20 por pobo. Así as cousas sobresaen datos como os 250 habitantes menos que ten Xinzo de Limia dende o ano pasado ou os 50 que perde Trasmiras e os 60 que marcharon de Calvos de Randín.

observatorio

Segundo sinalou o xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, "a realidade demográfia da comarca é grave". A perda de poboación hai que sumarlle o envellecemento da mesma.

A taxa de cobertura das pensións contributivas entre a poboación maior de 65 anos da comarca da Limia sitúase no 83%, a cuarta máis forte da provincia. O importe medio das pensións é de 645 euros, a máis baixa de todo Ourense en parte polo elevado peso relativo das cotizacións agrarias.

No referente ó mercado laboral, hai unha tendencia na zona que non consegue crear emprego neto durante máis de dous trimestres consecutivos. Municipios como Calvos de Randín e Porqueira contabilizaban antes da crise, menos de 300 empregos locais. Hoxe en día xa son cinco, sumándolle Baltar, Os Blancos e Vilar de Santos.

No 2015, só houbo dous concellos que experimentaron un comportamento positivo no eido laboral. Estes son Vilar de Barrio e Sandiás, que conseguiron crear emprego. En Barrio rexistrouse un 29% menos de parados dende que comezou a crise, en parte, polas obras da liña de alta velocidade.

Observando os datos a longo prazo, Xinzo de Limia é o quinto concello da provincia con menor perda de emprego dende o 2007. Así as cousas pechou o 2015 cun descenso do 1% en canto ás afiliacións.

Por sectores, a industria experimentou unha caída do 1.6% dos empregos, entre 2014 e 2015.FINCA PATATAS

Na agricultura a perda foi do 3% e no sector servizos a tendencia foi de conservación do mercado cunha taxa de variación interanual do -0´1%. A agricultura conserva o seu peso relativo do 17% cando a nivel provincial caeu por debaixo do 5%.

Todos estes datos extráense da sétima entrega do Observatorio Económico Provincial que se presentou esta mañá en Xinzo, e que recolle os datos referentes á comarca da Limia entre os anos 2014 e 2015.