Un pleno con secretario pero sen concelleiros

IMG-20131212-WA0000
Un pleno con secretario pero sen concelleiros
A oposición negouse a asistir a asamblea extraordinaria e urxente celebrada hoxe no Concello de Xinzo por non cumplir os...

A oposición negouse a asistir a asamblea extraordinaria e urxente celebrada hoxe no Concello de Xinzo por non cumplir os requisitos regulamentares

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A bancada esquerda do salón de plenos do consistorio limiao permaneceu baleira durante a sesión de hoxe, unha sesión anormalmente breve. Os membros da oposición decidiron non asistir ao pleno que eles mesmos solicitaran, porque "non cumpría os requisitos legais necesarios", entre eles, ser convocado con alomenos 48 horas de antelación. Así que a atracción central do día foi a presentación do novo secretario, que compaxinará a súa labor en Xinzo coa que xa ven realizando no Concello de Melón.

O grupo de goberno do concello limiao non seguiu, segundo o criterio da oposición, o regulamento para a convocatoria do pleno extraordinario polo que os seus adversarios políticos entenden que a sesión que eles solicitaran queda posposta para dentro de dez días, ás dez da mañá, "que será cando nos presentemos aquí", explicou Elvira Lama esta mañá ante a prensa. Asegura que decidiron non asistir ao pleno, porque o alcalde "non pode chulear a todo o mundo, e nós non estamos dispostos a que nos chulee".  E declarou así mesmo que se o secretario non convoca o pleno de maneira automática, acudirán "á vía da administración de xustiza".

O voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez secundaba o declarado pola súa compañeira da oposición asegurando que o alcalde convocara o pleno desta maneira “por puro capricho”, xa que podería telo feito “de onte para mañá, respectando as 48 regulamentarias”, ou no caso de existir algún problema “relacionado co cambio de secretario ou do que fose”, o que debería ter feito segundo o líder nacionalista é “ser elegante, e chamar a oposición para advertila de cómo ía proceder”. E defendeu que desta maneira terían acudido ao pleno “sen ningún problema”.

Pola súa parte desde o Concello definen ao episodio dunha maneira ben diferente. Para o grupo de goberno, a actitude dos seus rivais de deixalos plantados “rompeu todas as regras democráticas, así como a boa práctica e a responsabilidade moral e pública” que vai unido ao cargo de concelleiro. E ampáranse no artigo 46 da Lei 7/1985 do 2 de abril, para asegurar que non incorreron en irregularidade algunha á hora de convocar o pleno pois nesta norma recóllese que “o pleno extraordinario urxente poderase conovocar sen ningún tipo de anticipación horaria”.

O alcalde denunciará ao ex secretario

Esta mesma mañá  fíxose publico tamén que o alcalde de Xinzo decidiu antepoñer unha denuncia contra o ex secretario municipal por manipulación de datos. Segundo Pérez, o funcionario tería modificado as datas dos informes, xa que estas serían supostamente posteriores ás contratacións que pretendían condenar.

As reaccións da oposición limiá non se fixeron esperar e Elvira Lama defendeu a postura do secretario alegando que, “cos tempos que corren eu fiaríame máis dun funcionario de auditación estatal, da súa palabra, que da deste alcalde”.