Portástesvos ben este ano?

IMG_1151
Portástesvos ben este ano?
Os limiaos máis novos puideron saudar ás Súas Maxestades de Oriente na audiencia que ofreceron esta tarde na Praza Maior...

Os limiaos máis novos puideron saudar ás Súas Maxestades de Oriente na audiencia que ofreceron esta tarde na Praza Maior de Xinzo

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Portástesvos ben este ano? Seguro que si, así que xa sabedes, eses zapatos ben limpiños debaixo da árbore que mañá algo ha caer, e cun pouco de sorte, o que pedistes nas vosas cartas. Porque os Reis Magos xa están aquí.

Desde o máis afastado Oriente viaxaron un ano máis para acudir, entre outros moitos compromisos, ata a Praza Maior de Xinzo a unha audiencia esta tarde cos pequenos da comarca. Un monte de cariñas cheas de ilusión, expectación e algunha tamén de susto, miraban sen quitarlles o ollo de enriba a Melchor, Gaspar e Baltasar. Pacientemente, os cativos que abarrotaban a praza, agardaron cadansúa  quenda para saudalos, e sobre todo refrescarlles a memoria sobre as súas peticións. Ao fin, na Limia hai moitos nenos e eles non son máis ca tres. Pero vaia tres!

Por fin chegou a fin de semana máis agardada polos máis novos da casa, así que non vos esquezades de deixarlle un refrixerio, que veñen de moi lonxe e esta noite teñen moito traballo por diante. Deitarse cediño, e seguir portándose ben non vaia ser que dean a volta. E se traen carbóns, que sexan doces!